23/12/14

APOCALIPSIS Z
Manel Loureiro
A civilización xa non existe. Non hai internet. Nin televisión. Nin móbiles. Xa non hai nada que che lembre que es un ser humano. A Apocalipse empezou. Agora só queda un obxectivo: SOBREVIVIR.
Nunha república caucásica libérase, tras un atentado, un virus que se expande sen freo por todo o planeta. A enfermidade mata a quen a padece... pero o afectado resucita ás poucas horas, e tras levantarse de novo ataca de forma rabiosa a calquera persoa que non fose infectada. En España, un novo avogado leva un diario no que, desde o primeiro día, anota as súas observacións sobre ese desastre afastado, un desastre que terminará por chamar ás portas da súa casa. En busca dun lugar seguro, o protagonista cruzará o territorio que antes coñeceu como Galicia e que quizá agora mereza outro nome.
 "Apocalipse Z. O principio do fin" é a primeira novela de Non Mortos ambientada no noso país  «Un relato que consegue pór os pelos da caluga como escarpias grazas á constante combinación de normalidade e proximidade coa que relata a chegada dos zombis a España.» según Álvaro Pons na páxina, www.lacarceldepapel.com. Forma parte dunha triloxía, que segue cos títulos "Apocalipsis z. Los días oscuros" e "Apocalipsis Z. La ira de los justos".
A novela segue a liña de novelas como "Soy Leyenda" de Richard Matheson de 1954, levada ao cine por última vez (que non primeira) no 2007 e protagonizada por Will Smith.
O NENO DO PIXAMA A RAIAS / EL NIÑO CON EL PIJAMA DE RAYAS
John Boyne
Aínda que o habitual é describir as características da obra que estamos a ler, por unha vez faremos unha excepción, porque estamos convencidos de que explicar o seu  contido estropearía a experiencia da lectura. Cremos que é importante empezar esta novela sen saber de qué trata. Acompañarás a Bruno, un neno de nove anos, cando se muda coa súa familia a unha casa onda unha cerca. Hai milleiros de aramados coma ese en moitos sitios do mundo; só desexamos que nunca te atopes con ningún, e se o fas, que teñas forza para librarte del...
Esta novela do escritor irlandés John Boyne converteuse nun fenómeno mundial, e foi traducido a máis dunha vintena de idiomas e ten unha adaptación cinematográfica.Por último, cabe aclarar que este libro non é só para adultos; tamén o poden ler, e sería recomendable que o fixeran, rapaces e rapazas a partir dos doce ou trece anos de idade.
                                                                                  O editor
Este libro é unha forma de empezar a entender algunhas cousas terribles que sucederon en Europa no século XX, durante a II Guerra Mundial, e que seguro que a algúns vos sona de velas en películas. O malo é que desta volta as cousas pasaron de verdade, tal vez non exactamente como contan as pelis, pero igual de terrribles. Con este libro diante pódese falar de moitas cousas, averiguar outras da nosa historia recente e pararse a pensar como debemos facer para que algo así non se repita nunca máis.

Nenopixamaaraias
View SlideShare presentation or Upload your own.
LA OLA
Morthon Rhue / Stefani Kampmann
Cando O Sr. Ross aborda durante a clase de historia o período do nazismo, os alumnos non poden entender o comportamento cego dos alemáns e a súa manipulación. Eles nunca permitirían algo así, rebelaríanse contra os déspotas. O profesor decide levar a cabo un experimento para demostrar como se poden desenvolver comportamentos autoritarios ou fascistas, e que o que pasou cos alemáns pode repetirse en calquera lugar e momento. 
Con todo, chega un momento en que o experimento se lle vai das mans e empeza a tomar dimensións perigosas para os alumnos.

Esta novela gráfica de Stefani Kampmann está inspirada na novela do mesmo título de Morton Rhue. Cunha economía de trazos e composicións de imaxe impresionantes, a moza ilustradora berlinesa Stefani Kampmann consegue reforzar á perfección a atmosfera ameazadora que se vive no libro orixinal. A sucesión de imaxes de detalles das escenas danlle unha dinámica de película á historia e permite unha vivencia máis directa da mesma.
 
O autor da novela orixinal, Morton Rhue, recreou de maneira novelada o telefilm estadounidense "A Terceira Onda", rodado en 1981 e baseado nun libro escrito por William Ron Jones. Neste o profesor Jones explica o experimento escolar real que levou a cabo nun instituto de Palo Alto, California, en 1969. 
 En 2008, unha produción alemá baixo a dirección de Dennis Gansel encárgase de levar de novo ás pantallas de cine esta historia, baseándose na novela e a experiencia orixinal.


2/12/14

3L 4S3S1N4T0 D3L PROF3S0R D3 M4T3M4T1C4S 
Jordi Sierra i Fabra
Un profesor propón aos seus alumnos un xogo como exame para aprobar as matemáticas. O venres pola tarde, o profesor morre, pero, antes de falecer, comenta aos seus alumnos que o sobre que hai no seu peto indicaralles como buscar ao seu asasino. Non deben fallarlle...

Jordi Sierra i Fabra naceu en Barcelona en 1947. Fillo único e de familia humilde, topou con moitos obstáculos que frearon o seu soño de converterse en escritor, entre eles, a oposición paterna. Durante moito tempo estivo relacionado coa música rock (foi director e en moitos casos fundador dalgunhas das principais revistas revistas musicias españolas) o que o fixo uinha persoa moi coñecida e popular.
 Publicou o seu primeiro libro en 1972. Desde entón escribiu máis de catrocentas obras, moitas delas best sellers, e gañou máis de trinta premios literarios. En 2004 creou a Fundació Jordi Sierra i Fabra, en Barcelona, e a Fundación Taller de Letras en Medellín, Colombia. Desde entón concédese o premio que leva o seu nome a un novo escritor menor de dezaoito anos, así que... animádevos!
Pablo Núñez, ilustrador
Naceu en Madrid en 1963. Estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid. En 1990 obtivo o segundo Premio Nacional de Ilustración. Alterna o seu traballo de ilustrador de libros con colaboracións en diarios e revistas.

18/11/14

BAJO LA MISMA ESTRELLA 

John Green

A Hazel gústalle ler libros pretenciosos e ver telebasura, ler poesía e durmir (ademais ten a escusa de que é bo para o cancro) e gustaríalle que os seus pulmóns funcionasen como uns pulmóns normais. A súa nai cre que está deprimida, así que empeza a ir a un grupo de apoio todos os mércores. Aínda que, en realidade, non hai nada máis deprimente que un grupo no que cada día a lista de compañeiros polos que rezar é máis longa. Precisamente o día no que coñeceu a Augustus Waters, foi o día no que case conseguiu escaquearse para quedar vendo un maratón do reality "America's Next Top Model".
 O primeiro que pensou de Augustus Waters, para que negalo, foi que era moi guapo. Aínda que cunha personalidade tan irresistible como a súa, o seu físico pronto pasou a segundo plano. É carismático, falador, divertido, gústanlle as metáforas e filosofar, e sempre parece saber que dicir. Estaba no grupo de apoio acompañando a un amigo, aínda que el tamén tivera cancro. Hazel leu o libro favorito de Augustus, Augustus leu o libro favorito de Hazel e o demais, como se adoita dicir, é historia. Aínda que neste caso é unha historia tan peculiar como os seus protagonistas, que arrinca cando Gus trata de localizar ao autor do libro favorito de Hazel e continúa mentres ambos tentan ignorar a pantasma da súa enfermidade. (Vía: El templo de las mil puertas)

John green naceu en Indiana, aínda que na súa infancia a familia trasladouse a diferentes lugares dos Estados Unidos. Logo de graduarse na universidade traballou uns meses como asistente  nun hospital para rapaces con enfermidades terminais, o que influiu no seu propósisto de ser escritor e en concreto na novela que nos ocujpa. A primeira novela de John Green, Buscando a Alasca , gañou no 2006  o Michael L. Printz Award. A súa segunda novela, O teorema de Katherines , obtivo o  premio de honra Michael L. Printz e foi finalista para o Premio Times Book Los Angeles. A súa seguinte novela, Cidades e papel , é un bestseller do New York Estafes. En xaneiro de 2012,  Baixo a mesma estrela , foi recibido con grandes aplausos da crítica, incluídos eloxios no The New York Times entre outros.No 2014 o director Josh Boone decidiu trasladar a historia á gran pantalla, con enorme éxito de público.

21/10/14

EVERLOST
Neal Shusterman
Sendo mozo poida que nunca pensara na morte. É por iso que quizá os mozos non teñan unha idea moi clara de que pasa despois de morrer e cara a onde irán os seus espíritos. Quizá non saiban que, ao non telo claro, ao non saber que camiño han de percorrer na súa viaxe, acaban nun sitio moi peculiar. Un sitio entre a vida e a morte; un sitio entre Onde Estaban e Onde Teñen que Ir. Este sitio é Everlost.
É aí onde terminaron Allie e Nick tras sufrir un accidente de coche. Convertéronse en almas verdes, tamén coñecidas como neoluces. Pero, que lles espera neste novo mundo? Non parece en absoluto un lugar agradable, non hai comida por ningún sitio e se non te moves con rapidez o chan comeza a tragarche coma se fosen areas movedizas.  Pero Allie e Nick non están dispostos a que lles pase iso, nin pensan esquecer quen son; é máis, van atopar unha saída deste maldito lugar...
 Neal Shusterman é guionista e autor de numerosas novelas para mozas e adultos. Pola súa obra Desconexión, traducida a máis de dez idiomas, foi galardoado co premio  Best Book for Young Adult Readers, entre outros. 
Everlost é o primeiro volume dunha triloxía que completan os títulos Everwild e Everfound. Con esta triloxía, o autor norteamericano móstranos o seu brillante enxeño á hora de crear tramas orixinais e personaxes entrañables. Aínda que é certo que a acción non transcorre tan rápida como na súa outra saga, Desconexión, Shusterman consegue mergullarnos nesta aventura e facernos sentir a angustia destes nenos que loitan contra o mesmo esquecemento. Neal, pai de catro fillos, actualmente vive en California.

14/10/14

PODEROSA
Sergio Klein
Poderosa. Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man.Unha lectura divertida, refrescante, orixinal e fácil de ler.
Despois do grande éxito en Brasil, México e Arxentina, chega ao club Arao este título. Unha moza normal, chamada Joana, posúe o poder de cambiar o que ocorre ao seu redor. A partir de que se dá conta deste poder, Joana comeza a escribir cousas que se farán realidade sempre que escriba os seus desexos coa man esquerda.
O poder da escritura e da palabra pode ser suficiente para cambiar a historia e o presente. Así nolo conta o escritor brasileiro Sergio Klein: Todo o que escribe coa man esquerda convértese en realidade, e isto fai que Joana Dalva sexa unha persoa, moi especial...No segundo título da serie, Poderosa 2, Sérgio Klein adéntrase no complexo mundo da adolescencia e embárcanos na aventura de descubrilo. Un novo diario protagonizado por Joana. Unha serie de libros para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras. Hai un terceiro volume Poderosa 3 que xa está publicado en Anaya en castelán. Podes lelo se picas no enlace.
O AUTOR. Sergio Klen comezou a súa carreira literaria como poeta, logo pasouse á narrativa converténdose no autor para rapaces máis destacado do Brasil. Faleceu o pasado mes de xullo en Bello Horizonte (Brasil), a mesma cidade onde nacera en 1963.
poderosa
View more presentations or Upload your own.

20/5/14


COMO AUGA 
PARA CHOCOLATE
Laura Esquivel
ARGUMENTO:
Unha novela sorprendente, inesquecible, cuxo tema vira ao redor dun amor imposible para cuxa consecución a protagonista percorrerá ás artes culinarias. Encabezando cada capítulo cunha receita, esta historia máxica converte a gastronomía nun código de sensualidade cargado de penetrantes aromas, de cores cegadoras.
Tita é a pequena, vive nun rancho coas súas irmás e as súas serventas, e a pesar de saberse condenada a non poder gozar do amor por ter que facerse cargo da súa nai, non renunciará a Pedro. El tamén a ama, pero casará coa súa irmá Rosaura para poder seguir preto dela. Tita refúxiase na cociña. Os seus sabrosos pratos acaban tendo cualidades máxicas, capaces de transformar as emocións e o comportamento de quenes os proban.
Tita aprendeu que os ingredientes non son o máis importante para cociñar un bo prato, senón todo o amor con que sexas capaz de facelo. Os seus pratos tiñan un poder especial: a súa tristeza, a súa alegría, o seu desexo ou a súa dor á hora de preparalos contaxiábanse irremediablemente a todo aquel que os probaba.

Sendo unha novela do Realismo Máxico, pártese de situacións reais como, aparte das recetas, a costume de que a filla menor quedase encargada de coidar á nai ou como o caso da cuadrilla de revolucionarios. Podes saber máis sobre esta histórica Revolución Mexicana pulsando aquí.

A AUTORA:

Laura Esquivel naceu en Cidade de México en 1950. Traballou como mestra, escribindo ao mesmo tempo contos e obras teatrais infantís, que representaba nun Taller de Teatro. 
Coa publicación de Como auga para chocolate, en 1989, alcanzou o recoñecemento internacional e converteuse nunha das escritoras mexicanas máis importantes da súa xeración, sendo a primeira autora estranxeira en ser premiada co American Booksellers Book of the Year en 1994.
Nas súas novelas, emprega un "realismo máxico" para combinar o sobrenatural co mundano, especialmente na súa primeira novela Como auga para chocolate. Nela, proclama a importancia da cociña como a peza máis importante da casa, elevándoa a fonte de coñecemento e comprensión de gusto e desexo.
Publicou ademais outras novelas como Malinche, Tan veloz como o desexo, A lei do amor, Íntimas suculencias, O libro das emocións, e Estreliña mariñeira.
Como auga para chocolate foi levada ao cinema e galardoada con 10 premios Ariel da Academia Mexicana de Artes e Ciencias Cinematográficas. Tanto a película como o libro, traducido a máis de 30 idiomas, tiveron moito éxito en diversos países.

O REALISMO MÁXICO:
O realismo máxico é un xénero artístico e literario propio da literatura latinoamericana de mediados do século XX, que funde a realidade narrativa con elementos fantásticos, mostrando o común e cotián como algo irreal ou estraño.
O realismo máxico floreceu na literatura latinoamericana cando as ditaduras que azoutaban Latinoamérica fixeron da palabra a ferramenta máis poderosa.
O realismo máxico centra o seu principal interese en incluír o irreal, o estraño, o sobrenatural ou o supersticioso dentro dun discurso verosímil ou de natureza realista. 
Gabriel García Márquez é, sen ningunha dúbida, o escritor máis coñecido e máis directamente identificado con este xénero, talvez porque a súa novela Cen anos de soidade, ademais de ser unha das cimas da literatura latinoamericana, é un claro exemplo desta corrente literaria. Outros dignos representantes do movemento son Miguel Anxo Asturias, Juan Rulfo (cuxa obra Pedro Páramo moitos aclaman como a primeira en mostrar estas características), Pablo Neruda, Laura Esquivel e mesmo Jorge Luís Borges, que nunca se considerou a si mesmo un escritor realista.




More PowerPoint presentations from Lettera

4/5/14

EL PRÍNCIPE DE LA NIEBLA
Carlos Ruíz Zafón
O príncipe da brétema é unha novela xuvenil de Carlos Ruíz Zafón publicada orixinalmente en lingua castelá en 1993, acadando ese mesmo ano o Premio Edebé de Literatura Xuvenil.  
A historia está ambientada en xuño de 1943. Unha familia escapa da II Guerra Mundial, indo vivir a unha vila na costa atlántica. O protagonista (Max de 13 anos), e a súa irmá (Alicia, de 15 anos) coñecen a Roland, outro rapaz da vila, que lles amosa a gran cantidade de maxia e fantasía que rodea á vila, ó mar, e á súa casa. Os anteriores propietarios da casa sufrirán a persecución dun estraño personaxe ata saldar unha antiga débeda.


O AUTOR:
Carlos Ruiz Zafón, nado en Barcelona en 1964, é un dos autores máis lidos e recoñecidos en todo o mundo. Inicia a súa carreira literaria en 1993 con O príncipe da brétema, o primeiro título dunha triloxía da que tamén forman parte O palacio da medianoite As luces de setembro  e máis tarde Mariña. En 2001 publícase a súa primeira novela para adultos, A sombra do vento, que pronto se transforma nun fenómeno literario internacional. En 2008 publica O xogo do anxo e en 2011 O prisioneiro do ceo. As súas obras foron traducidas a máis de cincuenta linguas e conquistaron numerosos premios e millóns de lectores no cinco continentes.

Se vos apetece podedes facer esta ficha de comprensión do libro para que vexades que tal o entendéchedes. Se queredes facela picade aquí.

27/4/14

ÁMOTE LEO A.
DESTINO XALUNDES
Rosa Aneiros
Catro amigos e unha grande viaxe. Este era o plan que tiña Leo ao rematar os estudos universitarios. Uns meses antes de partir os seus colegas bótanse atrás e Leo debe tomar unha decisión transcendental: desistir ou marchar soa. Así comeza unha viaxe chea de aventuras e de personaxes fascinantes na que chegará moito máis lonxe do que nunca imaxinara. Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul serán as primeiras escalas desta apaixoante viaxe perseguida por unha enigmática pintada que aparece nos lugares máis insospeitados: Ámote Leo A. Quen estará detrás da misteriosa mensaxe? Este libro dá inicio a unha triloxía na que Leo deberá resolver estas e outras incógnitas que lle deparará o camiño, para descubrir que as cousas non sempre son como as soñamos. Ás veces resultan moito mellores.

A AUTORA: Rosa Aneiros Díaz
É unha escritora galega nada no lugar de Meirás, no concello de Valdoviño en 1976. Licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesora na Escola de Humanidades de Lugo. Colaborou no programa da Radio Galega Un día por diante, así como en varios xornais: Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol, El País e nalgunha revista: Grial, Fadamorgana, A Casa da Gramática.
É a guionista da curtametraxe O señor do telexornal, aínda que a súa actividade literaria está centrada no relato e, sobre todo, na novela. Con Resistencia recibiu o premio Arcebispo Xoán de San Clemente á mellor novela en lingua galega do ano 2002. En 2009 gañou o premio Xerais á mellor novela con Sol de inverno así como o premio Fundación Caixa Galicia ao mellor título de literatura xuvenil, con Ás de bolboreta, que foi incluído na prestixiosa lista The White Ravens 2010. Obtivo tamén o Premio Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia á mellor
obra infantil e xuvenil do 2013, pola triloxía Ámote Leo A.
Actualmente traballa no Consello da Cultura Galega.

Nun encontro con lectores a autora dixo:

«A pesar de todo o que está sucedendo, non é verdade que se acabe o mundo, non é certo. Esta é a razón pola que escribín Ámote Leo A., xa que debemos ser capaces de loitar polo que queremos facer, abrir as pechaduras e as fiestras».

«A viaxe de Leo é, tamén, unha viaxe cara o seu interior, para coñecerse. Non importan só as cidades que visita, tamén as persoas que coñece e os libros que le sobre a viaxe. Non esquezamos, como se di no propio libro, que aprender a viaxar e aprender o que queremos e o que non queremos.»

«Quixen facer un libro moi optimista, unha viaxe que se gozase lendo. Mais tamén advirto que esta é a viaxe de Leo. Non pretendín facer unha guía de viaxe, nin que aparecesen todos os monumentos e lugares, son cada unha das cidades a través dos ollos de Leo»


A TRILOXÍA: 

Os outros dous títulos da triloxía son: Ámote Leo A. Estación de tránsito e Terminal de chegadas. O segundo xa está publicado e o terceiro estará no mes de xuño. De fácil lectura estes libros tratan temas como o amor e o desamor, as viaxes, as novas tecnoloxías...; e transmiten valores como a igualdade de xénero, a capacidade de superación, o esforzo, o amor polo descoñecido... 
Picade se vos apetece twitear coa autora .

Aquí vos deixo algunhas imaxes que corresponden, por orde, a Barcelona, Lisboa, Istambul, Marrakech, Granada e O Cairo.




 

3/4/14

O CLAN DAS BRUXAS
Maite Carranza


Desde tempos inmemoriais, os clans das bruxas Omar viviron agochándose das sanguinarias bruxas Odish e agardando a chegada da elixida pola profecía.
Agora os astros confirman que o tempo está próximo. Anaíd, que viviu durante os seus catorce anos de vida apartada nunha vila do Pireneo, ignora os segredos que teñen que ver coas mulleres da súa familia... Ata que a misteriosa desaparición da súa nai, Selene a roxa, a enfronta cunha verdade tan arrepiante coma incrible e obrígaa a percorrer un longo camiño cheo de perigos e de descubrimentos..

A AUTORA:

http://www.maitecarranza.com/ (Enlace páxina autora)

Maite Carranza, naceu en Barcelona en 1958, estudou Antropoloxía. Antes de dedicarse plenamente á creación de novelas e guións, foi profesora nun instituto de Bacharelato. Iniciou a súa andaina como escritora de literatura xuvenil grazas á publicación da súa primeira novela Toma castaña! (1986) merecedora do Premio da Crítica Serra d?Or. Seguíronlle os Premios Folch i Torres en 1987, pola Rebelión dos lactantes e o Joaquim Ruyra en 1989, pola Selva dos Arutams. Máis recentemente, en 2002, gañou o Premio Edebé Infantil por Queres ser o noivo da miña irmá?, en 2006 fíxose co Premio Protagonista Novo por O deserto de xeo e o Premio Edebé Xuvenil en 2010 por Palabras envelenadas.
 Publicou máis de corenta títulos. Algúns títulos de gran éxito son Frea Cándida, frea!, Mauro ollos brillantes, Maxia dunha noite de verán e a triloxía fantástica A guerra das bruxas (2005-2007), traducida a máis de 20 linguas, á que pertence O clan da loba.
Actualmente compaxina a creación literaria coas tarefas de guionista e a docencia universitaria.

A GUERRA DAS BRUXAS:


A guerra das bruxas é unha triloxía que está formada polos seguintes libros: O clan da Loba, O deserto de xeo e A Maldición de Odi.
A historia trata das aventuras de Anaíd, unha bruxa do clan das Omar que debe empuñar o cetro de poder e dominalo para vencer ás Odish, as temerarias bruxas que se alimentan de sangue das súas inimigas para ser inmortais.
A nai de Anaíd é a suposta "elixida" no primeiro libro, pero despois confésanlle a Anaíd que ela é a verdadeira elixida e que a súa nai estaba a tentar ocultala das Odish. No deserto de xeo, é onde a elixida descobre a súa orixe e onde naceu e chama sen ser consciente á Odish nigromante Baalat, a súa maior inimiga. No terceiro libro Anaíd debe enfrontarse á traizón, o rexeitamento dos seus e a soidade, a maldición cumpriuse: a elixida incorreu nos erros, sucumbiu ao poder do cetro e até os mortos reclaman o seu tributo.



16/3/14

LAS VENTAJAS DE SER UN MARGINADO
                                                        Stephen Chbosky

O LIBRO:
O protagonista, Charlie,  é un mozo de 15 anos intelixente, aparentemente tímido e solitario. Goza lendo aos clásicos e soña converterse algún día en escritor. 
Charlie queda só tras o suicidio do seu mellor amigo. Vive cos seus pais, a súa popular e guapa irmá e un irmán maior que é unha estrela do fútbol americano. Pero Charlie non está no grupo dos "populares" do novo instituto
Ao coñecer a Sam e Patrick, os seus novos amigos, empeza a comprender o que é ser un adolescente, e inicia unha viaxe cara á madurez na que percorrerá novos e inesperados camiños: novas músicas, a bebida, o tabaco, as drogas...

É un libro moi especial polo personaxe de Charlie, tan inocente e intelixente, cunha visión moi particular do mundo que o converte nun ser extremadamente sensible, cun enorme corazón. 
Está narrado a través das cartas que Charlie escribe a un amigo contándolle o que lle pasa e os seus pensamentos, dando a sensación de falar directamente cos lectores. Ao final descóbrese algo totalmente inesperado, que nos axuda a comprender porque Charlie é como é.

As vantaxes de ser un marxinado foi adaptado ao cine en 2012. Foi o propio autor quen se encargou de adaptar o guión e de elixir os actores.
O AUTOR: 
Stephen Chbosky  (Pittsburgh, 25 de xaneiro de 1970).
Novelista, guionista e director de cine americano, coñecido especialmente por ser o autor da novela "As vantaxes de ser un marxinado" (1999) que resultou ser un grande éxito entre os lectores adolescentes. Tamén escribiu o guión e dirixiu a película baseada nesta novela, que se estreou no 2012. A película está protagonizada polos actores Logan Lerman, Emma Watson e Ezra Miller.
Actualmente reside nos Ánxeles, California. 

5/3/14

LAS LÁGRIMAS DE SHIVA
César Mallorquí
A historia transcorre na cidade de Santander durante un verán alá polos anos 60, cando en España aínda había unha ditadura, pero en todo o mundo empezaba un tempo de cambios profundos: o movemento hippy, a loita polos dereitos da muller, as manifestacións contra a guerra do Vietnam, os Beatles, a chegada do home á lúa...
Debido á enfermidade de seu pai, Javier, o protagonista, ten que pasar todo o verán en Santander, en casa dos seus tíos e as súas catro curmás que viven nun antigo caserón cerca da praia do Sardinero. Non lle apetece nada esta viaxe. Cando chega alí nota que a familia Obregón é moi estraña e diferente da súa. No caserón onde viven parécelle ver en ocasións un espectro ao mesmo tempo que nota un peculiar cheiro a nardos; isto mesmo ocórrelle á súa prima Violeta. Violeta fálalle da desaparición de Beatriz e do misterio das lágrimas de Shiva. Entre os dous tratan de descubrir o segredo. Ao principio lévanse moi mal, pero pouco a pouco vai mellorando a súa relación ata que ao final...
O seu autor, César Mallorquí conta así a súa vida: Nacín en Barcelona o 10 de xuño de 1953, pero o meu pai (José Mallorquí, o creador do Coyote) trasladouse a Madrid ao ano seguinte, e con el toda a familia. Cursei estudos de xornalismo na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense e desde 1970 traballei en diversas publicacións, entre elas a mítica revista O Paspallás. En 1981 cambiei o xornalismo pola publicidade e durante unha década traballei como creativo en diversas axencias. En 1991 regresei ao mundo da literatura (que abandonara durante a miña etapa de publicitario). Vivo en Madrid, estou casado e teño dous fillos. Deixei de fumar en 1986.

5/2/14

DÍAS DE REYES MAGOS
Emilio Pascual
ARGUMENTO: O protagonista adolescente desta obra, Ulises, experimenta esa sensación de ruptura e desencontro que ocasiona todo proceso de coñecemento e maduración. Ulises é un adolescente de dezaseis anos ao que se lle cae o mundo e a vida encima. A estraña relación que mantén cos seus pais, a intriga que lle produce o estraño personaxe do seu pai, os estudos…, son algúns dos motivos polos que decide marcharse de casa. Con todo, non chegará a marcharse debido a que Calipso, a súa mellor amiga “ou algo máis”, a súa nai, a súa profesora de literatura e un estraño cego que atopa no metro tecen unha perfecta trama de amizade e literatura en torno el.
Un libro cheo de simbolismos e un libro de libros. Un libro no que aprender para que serve a Literatura e, por tanto, para aprender a vivir. Non deixes de botar unha ollada ao apéndice final do libro. E non deixes de volver a lelo cando teñas vinte anos máis!

O AUTOR:
Emilio Pascual Martín nace en Tejares (Segovia) en 1948. Licenciado en Filoloxía Hispánica é editor, poeta, narrador, tradutor e crítico. Adicou a maioría da súa vida a editar libros de diversos tipos, traballando para varias das editoriais máis importantes de España .
      En 1999 publícase en España Días de Reyes Magos, obra que o consagra como un dos maiores escritores do panorama xuvenil español, e que lle vale o Premio Lazarillo e o Premio Nacional de Literatura. A este libro séguenlle outros como El fantasma anidó bajo el alero ou Trío de color.

3/2/14

A COROA DE NAPOLEÓN
Jaureguizar
Na cidade da Coruña celébrase o bicentenario da batalla de Elviña. No medio desta celebración acontece algo que poderá crear un importante conflito diplomático con Francia: a coroa de Napoleón, cedida para os actos polo goberno francés, desaparece. Para resolver a situación aparece Tintimán, unha sorte de xornalista-investigador de dezaseis anos, estudante de bacharelato, algo así­ como un superheroe un pouco impertinente. Tintimán, vestido de soldado francés, asiste aos actos de recreación da batalla de Elviña de 1809 xunto á Torre de Hércules. Ao día seguinte, coa praza de María Pita ateigada de xente, desaparece a coroa. Debe aparecer inmediatamente. Tintimán será quen de descubrir o acontecido axudado por Mónica e o seu gato Grozni.

Santiago Jaureguízar Ruiz de Zárate, naceu en Bilbao o 14 de agosto de 1965.  Aínda que naceu en Bilbao, viviu a infancia e mocidade en Ribadeo a onde veu vivir sendo un neno. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Xornalista de profesión, desenvolve o seu labor no xornal El Progreso de Lugo desde 1993. Os seus inicios literarios están vencellados ao movemento Bravú con títulos como Fridom Spik, Comendo espaguetis diante da televisión, As horas sucias e Breve crónica universal da clase obreira. Gañou o premio Xerais 2003 coa novela negra Casa Skylab que forma parte dunha triloxía.

 A Batalla de Elviña foi unha batalla da Guerra da Independencia Española. Tivo lugar entre 14.000 soldados británicos, aliados dos españois nese momento, e 16.000 soldados franceses. A maioría do antigo campo de batalla está ocupado hoxe en día pola Universidade da Coruña, onde se levanta un monolito conmemorativo. Cada certos anos faise unha recreación histórica da batalla, coa colaboración da asociación "The Royal Green Jackets". Podes ver un vídeo sobre a recreación aquí.

10/1/14

O CORAZÓN DE XUPITER
Ledicia Costas
Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto. Devecía por dar un paseo polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas. As longas conversas até ben entrada a madrugada prenderan unha luz, entre os dous existía unha maxia que traspasaba as fronteiras do ciberespazo. Isla sentiu a necesidade de sabelo todo sobre Xúpiter: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real… Quedaron para se coñecer nunha noite de San Xoán de cacharelas e mar embravecido. Foi entón, despois de despedirse da súa amiga Mar, cando Isla se precipitou na escuridade. A súa vida estaba a piques de cambiar para sempre.

Ledicia Costas: Nacín en Vigo alá polo 1979, cando o verán estaba a piques de morrer. Neta dun inventor e filla de dous creadores de soños, escribo desde que teño memoria. Debutei na colección Fóra de Xogo coa novela Unha estrela no vento (Xerais 1999), obra escrita en plena adolescencia. O corazón de Xúpiter (Xerais 2012) é a miña segunda novela.Síntome poeta con alma de equilibrista, porque recito nos lugares máis propicios á caída: no autobús, no supermercado, nos bares, en tendas de conxelados… E debe ser por iso que formo parte do colectivo Poetas da Hostia. A día de hoxe formo parte da directiva de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), son avogada a tempo parcial e poeta a tempo completo. E nas horas libres escribo novela, que é a miña verdadeira paixón.