19/2/15

Cando petan na porta pola noite
Xabier P. Docampo
Logo dunha reflexión inicial do autor sobre o gusto pola narración oral, que inclúe o recoñecemento a seu pai como gran contador de historias, reúnense catro historias de medo co desexo de que o lector sexa tamén dono do seu propio medo e as faga súas, para contalas tamén, a xeito de transmisor oral, continuando o fío da literatura tradicional popular.
As historias levan por título: O espello do viaxeiro, O fornadas, A loba e O cumpremortes. 
Queríades un título 'de medo', pois xa o tendes! Agora a ver se algún non dorme polas noites, que o Xabier, cando se pon, mete medo!! 
E con este libro temos sorpresa: poderedes comentalo co propio autor! Ide pensando o que vos gustaría preguntarlle, ou o que queredes comentarlle. Eu, persoalmente, pediríalle que nos contase algunha historia de medo das que el sabe, que son unhas poucas.


     Xabier Docampo naceu en Rábade, na comarca da Terra Chá (Lugo). É autor de literatura infantil e xuvenil. A súa obra Cando petan na porta pola noite foi seleccionada como unha dos cen mellores obras do século XX, e foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Xuvenil. Ten libros seus nas listas de honra internacionais como a IBBY (International Board on Books for Young People) e premios como o The White Ravens (Internationale Jugendbibliothek-International Youth Library).
Ao longo da súa traxectoria profesional meteuse en mil leas diferentes: actor, director de teatro, guionista e director de radio, vídeo e televisión, dirección de revistas de Literatura xuvenil,... Como profesor, sempre estivo relacionado cos movementos de renovación pedagóxica. Agora leva xa uns anos xubilado, o cal non quere decir que estea quieto...


10/2/15

O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS
Marcos Calveiro
ARGUMENTO: Un adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890, coñecerá a Vincent, un pintor que semella beberse a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubrirá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.

O AUTOR:
Neto de feirantes taberneiros, vive en Vigo, onde desenvolve a súa actividade profesional como avogado. Deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007), a primeira traducida ao catalán e a segunda ao castelán e ambas as dúas moi ben valoradas pola crítica. 
En 2007 recibiu o XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, novela editada en galego e castelán, que logo recibiría o Premio White Ravens en 2008. 
Máis recentemente, mereceu o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008 por O canto dos peixes (2008) e o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil, 2010 pola novela O pintor do sombreiro de malvas (Xerais 2010). 
En 2011 publica Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais 2011). 
En Xerais Narrativa leva publicadas dúas novelas: Festina lente (2008) Premio da Crítica 2008 (narrativa), Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa adultos, Autor do ano, 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009 e Setteccento (2010).
Como poeta publicou Cartas do terceiro día (2007), VIIº Premio de Poesía Concello de Carral


Vincent van Gogh (Zundert,1853 Auvers,1890)

Foi un pintor neerlandés. Pintou uns 900 cadros (deles 27 autorretratos e 148 acuarelas) e 1.600 debuxos. A figura central na súa vida foi o seu irmán menor Theo, quen lle prestou apoio financeiro continua e desinteresadamente.
Xa desde moi novo tivo inclinación cara ao debuxo e o seu primeiro traballo foi nunha empresa de marchantes de arte, viaxando entre A HaiaLondres e París. Despois ensinou durante un tempo en Inglaterra. Máis tarde converteuse en pastor protestante e en 1879, á idade de 26 anos, marchou como misioneiro a unha rexión mineira de Bélxica, onde comezou a debuxar á xente da comunidade local.

 
En 1885 pintou a súa primeira gran obra Os comedores de patacas; nese momento a súa paleta compoñíase de tons sombríos de terra. A luz de cores vivas pola que é coñecido xurdiu en obras posteriores, cando se trasladou ao sur de Francia conseguindo a plenitude durante a súa estadía en Arlés en 1888.

Malia a calidade da súa obra, esta só foi recoñecida logo da súa morte e hoxe é considerado un dos grandes mestres da pintura.

Sufriu frecuentes brotes dunha enfermidade mental ao longo da súa vida, o que o levou a se producir unha ferida de bala que acabou coa súa vida á idade de 37 anos.