22/11/15

EL SUEÑO DE BERLÍN
Ana Alonso - Javier Pelegrín
Ana é unha adolescente con TOC (trastorno obsesivo compulsivo). Cando Bruno, o seu compañeiro de clase, se decata do problema, intenta axudala. Con moito ímpeto, pero tamén con descoñecemento, vai animala a que se apunte á viaxe de fin de curso e poida cumprir un dos seus soños: visitar, en Berlín, a cabeza de Nefertiti.
Doutra banda, a vida familiar de Ana non está exenta de tensións. O seu pai anímaa para que sexa como as mozas da súa idade, mentres que a súa nai quere que se medique e a sobreprotexe.

Ana Alonso naceu en Tarrasa (Barcelona) en 1970, aínda que residiu durante a maior parte da súa vida en León. Licenciouse en Ciencias Biolóxicas. Publicou oito poemarios e, entre outros, recibiu o Premio de Poesía Hiperión (2005), o Premio Ollo Crítico de Poesía (2006), o Premio Antonio Machado en Baeza (2007) e o Premio Alfons el Magnànim Valencia de poesía en castelán (2008).

 Javier Pelegrín naceu en Madrid en 1967, aínda que residiu en Murcia durante boa parte da súa vida. Licenciouse en Filoloxía Hispánica. Actualmente traballa como profesor de Ensino Secundario, actividade que compaxina coa escritura. 

Xuntos son coautores da serie de fantasía e ciencia ficción A chave do tempo e doutras sagas como Tatuaxe e outras. El sueño de Berlín acadou o XII Premio Anaya de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015. Teñen unha páxina moi completa que podedes ver aquí.
POMELO Y LIMÓN
Begoña Oro
"Jorge e María son dous adolescentes como tantos outros: saen cos seus amigos, comunícanse con eles nas redes sociais, namóranse... Todo isto sería normal se as nais de María e Jorge non fosen tan famosas. Os dous mozos vense envoltos nunha espiral de rumores da que só saen lembrando que as palabras que eliximos para contar a nosa historia son as que realmente dan forma ao noso mundo".
... E resulta curioso, dada a importancia que ten, logo, o xeito de contar (que dá forma á nosa vida), o xeito en que a autora nos relata a relación entre estes dous adolescentes. Pode ser que esta historia, a de Jorge e María, fose outra se, efectivamente, as súas nais non fosen tan famosas ou, sobre todo, se non fosen "os outros" os que intentaron contar e manipular a súa historia ao xeito que máis lles interesaba a eles. Sorprende, por tanto, a identidade do narrador que, este si, faino co beneplácito dos protagonistas.
Begoña Oro, zaragozana de nacemento, estudou Dereito e Humanidades na especialidade de Literatura. Leva moitos anos vinculada ao mundo do libro como traductora, autora -non só  en Literatura Infantil e Xuvenil- e como editora. Traballa ademais en plans lectores en centros escolares. É unha das primeiras escritoras en simultanear o libro tradicional en papel co uso de internet. Con este libro, Pomelo y Limón gañou o Premio Gran Angular 2011 de Literatura Xuvenil. Podes acceder á sua páxina aquí e ler unha entrevista con ela aquí.
3L 4S3S1N4T0 D3L PROF3S0R D3 M4T3M4T1C4S 
Jordi Sierra i Fabra

Un profesor propón aos seus alumnos un xogo como exame para aprobar as matemáticas. O venres pola tarde, o profesor morre, pero, antes de falecer, comenta aos seus alumnos que o sobre que hai no seu peto indicaralles como buscar ao seu asasino. Non deben fallarlle...

Jordi Sierra i Fabra naceu en Barcelona en 1947. Fillo único e de familia humilde, topou con moitos obstáculos que frearon o seu soño de converterse en escritor, entre eles, a oposición paterna. Durante moito tempo estivo relacionado coa música rock (foi director e en moitos casos fundador dalgunhas das principais revistas musicais españolas) o que o fixo uinha persoa moi coñecida e popular.
 Publicou o seu primeiro libro en 1972. Desde entón escribiu máis de catrocentas obras, moitas delas best sellers, e gañou máis de trinta premios literarios. En 2004 creou a Fundació Jordi Sierra i Fabra, en Barcelona, e a Fundación Taller de Letras en Medellín, Colombia. Desde entón concédese o premio que leva o seu nome a un novo escritor menor de dezaoito anos, así que... animádevos!

Pablo Núñez, ilustrador
Naceu en Madrid en 1963. Estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid. En 1990 obtivo o segundo Premio Nacional de Ilustración. Alterna o seu traballo de ilustrador de libros con colaboracións en diarios e revistas.