CARTAS DE INVERNO
Agustín Fernández Paz
Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores. Cartas de inverno recibiu o Premio Rañolas, ó mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995.
Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no conxunto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás outras linguas españolas: castelán, catalán e eusquera. Tamén ten diversos títulos traducidos ao portugués, coreano, francés, árabe e italiano. Os seus libros obtiveron numerosos premios, en Galica, en España (Premio Nacional de Literatura) e en diferentes países, con dous títulos seus no prestixioso "Catálogo White Ravens da International Youth Library". Agustín Fernández Paz, persoa sinxela e entrañable, foi sempre un gran defensor da nosa lingua ao tempo que un gran defensor da calidade literaria da Lit. Xuvenil.
Comentarios
O libro desenvolvíase moi lentamente, e non tiña sentido. A proxima vez gustaríame un libro mais interesante
o final deixoume ca intriga xa que o tes que imaxinar...