A illa baixo o mar de Isabel Allende narra a historia dunha escrava no Santo Domingo do século XVIII. Cóntanos corenta anos da vida de Zarité, vendida aos nove anos como escrava ao francés Valmorain, dono dunha das máis importantes plantacións de azucre da illa de Santo Domingo. Ao mesmo tempo que nos relata a explotación dos escravos na illa, as súas condicións de vida e como loitaron para conseguir a liberdade. Unha serie de personaxes apoiarán á nosa protagonista para seguir adiante ata conseguir a liberdade para as futuras xeracións. Mulleres peculiares como Violette, que se dedica á prostitución ou Loula, a muller que organiza o seu negocio; Tante Rose, a curandeira, Celestine ou Tante Matilde, a cociñeira da plantación: personaxes con este punto de maxia que dan un ambiente e unha cor especial á novela. A rebelión dos escravos provoca un incendio na plantación. Valmorain foxe da man de Zarité. Conforme avanza a novela o noso personaxe alcanza a dignidade que lle corresponde. Vivirá a súa propia historia de amor e conseguirá a liberdade.
Isabel Allende. (Lima, 1942) Escritora chilena. Filla dun diplomático chileno que lle inculcou a súa afección polas letras, Isabel Allende cursou estudos de xornalismo. Mentres se iniciaba na escritura de obras de teatro e contos , traballou como redactora e columnista na prensa escrita e a televisión.
Comentarios