Mamá, quero ser Ziggy Stardust
"Aine contaba nove anos a primeira vez que viaxou cos seus pais de vacacións. Naqueles días, ademais de percorrer a cidade, visitaron unha exposición. Era sobre unha estrela de rock que mudaba de aspecto coma os camaleóns. Un arreguizo estraño percorreulle o corpo cando se fixou na roupa que vestía, pois non soubo se era de home ou de muller. Emocionouse ao ver que tiña o cabelo roxo, tan semellante ao seu. Escoitou aquela canción que falaba dun extraterrestre que só quería cantar e bailar e tivo unha revelación: Aine, de maior, sería igual que Ziggy Stardust, un músico marciano que podía ser todo o que lle dese a gana. Coa axuda de Thomas, o seu inseparable amigo imaxinario, íao lograr"
"A aparición de Ziggy Stardust na televisión inglesa en 1972 supuxo un enorme impacto para a sociedade británica daquel momento. Estamos a falar dunha sociedade gris e algo triste en que, para seren cidadáns respectables, as persoas víanse na obriga de seguir certas normas: vestir, vivir e pensar do mesmo modo. Daquela, un día alguén prendeu a tele e, de súpeto, unha estrela de rock andróxina e extraterrestre aterrou no salón de millóns de fogares, enchendo todo de balbordo, luz e cor: tiña o cabelo roxo cortado dun xeito fóra do común, botara maquillaxe, vestía roupa rechamante...Podía aquela criatura ser máis estrafalaria?"
Comentarios