O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS
Marcos Calveiro
ARGUMENTO: Un adolescente é enviado pola súa nai dende París a pasar cunha tía unha boa tempada na vila de Auvers. Durante aqueles días do verán de 1890, coñecerá a Vincent, un pintor que semella beberse a vida con cada violenta pincelada sobre o lenzo e do que durante sesenta e nove días se fará inseparable, acompañándoo no seu deambular polos trigais e na súa infatigable loita contra os convencionalismos da vida provinciana. Mais o mozo tamén descubrirá o amor, coñecerá algúns misterios sobre o seu pasado e se enfrontará por vez primeira á morte, o que o obrigará a tomar unha decisión sobre o futuro que lle agarda.

O AUTOR:
Neto de feirantes taberneiros, vive en Vigo, onde desenvolve a súa actividade profesional como avogado. Deuse a coñecer como narrador coas novelas xuvenís Sari soñador de mares (2006) e Rinocerontes e quimeras (2007), a primeira traducida ao catalán e a segunda ao castelán e ambas as dúas moi ben valoradas pola crítica. 
En 2007 recibiu o XVIIIº Premio Ala Delta de Literatura Infantil por O carteiro de Bagdad, novela editada en galego e castelán, que logo recibiría o Premio White Ravens en 2008. 
Máis recentemente, mereceu o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil 2008 por O canto dos peixes (2008) e o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2009 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil, 2010 pola novela O pintor do sombreiro de malvas (Xerais 2010). 
En 2011 publica Lois Pereiro. Náufrago do paraíso (Xerais 2011). 
En Xerais Narrativa leva publicadas dúas novelas: Festina lente (2008) Premio da Crítica 2008 (narrativa), Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Narrativa adultos, Autor do ano, 2008 e Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano 2009 e Setteccento (2010).
Como poeta publicou Cartas do terceiro día (2007), VIIº Premio de Poesía Concello de Carral. 


Vincent van Gogh (Zundert,1853 – Auvers,1890)

Foi un pintor neerlandés. Pintou uns 900 cadros (deles 27 autorretratos e 148 acuarelas) e 1.600 debuxos. A figura central na súa vida foi o seu irmán menor Theo, quen lle prestou apoio financeiro continua e desinteresadamente.
Xa desde moi novo tivo inclinación cara ao debuxo e o seu primeiro traballo foi nunha empresa de marchantes de arte, viaxando entre A Haia, Londres e París. Despois ensinou durante un tempo en Inglaterra. Máis tarde converteuse en pastor protestante e en 1879, á idade de 26 anos, marchou como misioneiro a unha rexión mineira de Bélxica, onde comezou a debuxar á xente da comunidade local.

 
En 1885 pintou a súa primeira gran obra Os comedores de patacas; nese momento a súa paleta compoñíase de tons sombríos de terra. A luz de cores vivas pola que é coñecido xurdiu en obras posteriores, cando se trasladou ao sur de Francia conseguindo a plenitude durante a súa estadía en Arlés en 1888.

Malia a calidade da súa obra, esta só foi recoñecida logo da súa morte e hoxe é considerado un dos grandes mestres da pintura.

Sufriu frecuentes brotes dunha enfermidade mental ao longo da súa vida, o que o levou a se producir unha ferida de bala que acabou coa súa vida á idade de 37 anos. 


Comentarios

Lara Garcia ha dicho que…
Foi un libro que me entretivo moito ainda que fixoseme algo largo