Club 1ºESO: A illa do tesouro

 Atrevémonos co clásico de aventuras do escocés Robert Louis Stevenson e tivemos unha experiencia chocante: o alumnado participaba por vez primeira nun club de lectura e non integrou que a súa finalidade é xustamente compartir a lectura dunha obra. Para iso haina que ler primeiro e ninguén o fixo: só dúas ou tres persoas avanzaron, e con pracer, até case o final. Mais tampuco chegaron a rematalo.


A unha metade do club gustoulles moito a temática, a outra di que non entendía o texto ou que era demasiado longo. Alén disto notamos que o alumnado chega cun prexuízo sobre a lectura en galego que os fai percibir como moi difícil, ou mesmo inintelixíbel, os textos escritos na súa lingua materna e habitual. E isto non está necesariamente relacionado coa presenza e vocabulario descoñecido.




Con todo, a experiencia do club foi do gusto de todos; houbo unha introdución previa por parte da profe sobre os elementos narrativos principais, a importancia da presenza das cancións populares de temática mariñeira na obra e o impacto que esta tivo na creación social dun imaxinario asociado desde entón á figura do pirata (cos seus atributos, vestimenta, comportamento), á vida deste tipo de navegantes. Houbo tamén unha pequena procura do tesouro baseada en imaxes que ilustraban momentos importantes da obra. En xeral pasárono ben na actividade mais non foi o que se di un club de lectura.

Comentarios