O CLUB DA CALCETA
María Reimóndez
Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala.
Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, as asistentes ás clases de calceta, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facéndose conscientes, e facéndonos conscientes a nós, os lectores, de diferentes aspectos da sociedade machista na que viven/vivimos.
A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora do Club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina.

    María Reimóndez naceu en Lugo e é tradutora e intéprete de profesión. Leva escribindo desde que tiña 6 anos e recibiu premios durante a súa mocidade (Rúa Nova, Minerva). É autora de varias obras de teatro e participou en distintos recitais poéticos. 
     María Reimóndez leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realiza a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, principalmente de formación e participación en diversos proxectos, todos na India, funda a ONG IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía. Nos seus proxectos nestes países ten un claro compromiso pola superación da discriminación de xénero, xa que pensa que é a base máis segura para un desenvolvemento perdurable.

Comentarios

Laura ha dicho que…
Este libro parecéume interesante, ademais, as historias eran, de algún xeito, moi reais porque son situación que poden pasar (de feito creo que ocorren) na vida real. O que non me gustou moito foi o seu final, máis ben, o que dá a supoñer o final. Está ben que certa xente se mereza un bo merecido pero ata un punto, xa que se nun ataque respondes con un ataque o único que vas a recibir é un novo ataque. Polo menos deixa claro que as de voltas que pode dar a vida! Que hoxe pensas unha cousa e mañán outra e que podes formar un bo grupo de amigos compartido algo que vos guste a todos.