O CLUB DA CALCETA
María Reimóndez
María Reimóndez
Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un
lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde
toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala.
Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, as asistentes ás clases de calceta, Matilde, Anxos, Rebeca,
Elvira, Luz e Fernanda van facéndose conscientes, e facéndonos conscientes a nós, os lectores, de diferentes aspectos da
sociedade machista na que viven/vivimos.
A través dun espazo tan tradicionalmente feminino
como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as
súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a
un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo
áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo
hilaridade, a autora do Club da calceta ofrécenos unha novela que, tras
a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión
sobre a condición feminina.
María Reimóndez naceu en Lugo e é tradutora
e intéprete de profesión. Leva escribindo desde que tiña 6 anos e recibiu premios durante a súa mocidade
(Rúa Nova, Minerva). É autora de varias obras de teatro e participou en
distintos recitais poéticos.
María Reimóndez leva traballando en cooperación
desde o ano 1994, cando realiza a súa primeira visita a un proxecto de
desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, principalmente de formación
e participación en diversos proxectos, todos na India, funda a ONG IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde
2003 en Etiopía. Nos seus proxectos nestes países ten un claro compromiso pola superación da discriminación de xénero, xa que pensa que é a base máis segura para un desenvolvemento
perdurable.
Comentarios