19/1/16

OS DE 2º NAVEGANDO NA BRÉTEMA
Hoxe tivemos unha sesión cos do club de 2º, bastante numerosa por certo. Temos un alumnado intrépido, que non lle teme a nada e menos a un pouco de brétema, por moito príncipe que veña no medio. Ademais teñen claro que non teñen débedas que pagarlle a ningún Caín, do cal nos alegramos moito. Se queredes saber o concentrados que estaban durante a sesión pasade o rato por riba da imaxe:

17/1/16

EL PRÍNCIPE DE LA NIEBLA
Carlos Ruíz Zafón
O príncipe da brétema é unha novela xuvenil de Carlos Ruíz Zafón publicada orixinalmente en lingua castelá en 1993, acadando ese mesmo ano o Premio Edebé de Literatura Xuvenil.  
A historia está ambientada en xuño de 1943. Unha familia escapa da II Guerra Mundial, indo vivir a unha vila na costa atlántica. O protagonista (Max de 13 anos), e a súa irmá (Alicia, de 15 anos) coñecen a Roland, outro rapaz da vila, que lles amosa a gran cantidade de maxia e fantasía que rodea á vila, ó mar, e á súa casa. Os anteriores propietarios da casa sufrirán a persecución dun estraño personaxe ata saldar unha antiga débeda.


O AUTOR:
Carlos Ruiz Zafón, nado en Barcelona en 1964, é un dos autores máis lidos e recoñecidos en todo o mundo. Inicia a súa carreira literaria en 1993 con O príncipe da brétema, o primeiro título dunha triloxía da que tamén forman parte O palacio da medianoite As luces de setembro  e máis tarde Mariña. En 2001 publícase a súa primeira novela para adultos, A sombra do vento, que pronto se transforma nun fenómeno literario internacional. En 2008 publica O xogo do anxo e en 2011 O prisioneiro do ceo. As súas obras foron traducidas a máis de cincuenta linguas e conquistaron numerosos premios e millóns de lectores no cinco continentes.

Se vos apetece podedes facer esta ficha de comprensión do libro para que vexades que tal o entendéchedes. Se queredes facela picade aquí.

6/1/16

UN MUNDO FELIZ
Aldous Huxley

A vida transcurre case tal e como estaba prevista para Bernard (un Alfa-máis) e Lenina (unha  Beta-máis) no seu mundo feliz. Pero a intelixencia que lle foi permitida a Bernard, xunto cun aspecto físico non tan excelente como debera ser nun exemplar da súa caste, crea unha certa incomodidade, unha adaptación non  tan perfecta á Sociedade como era de esperar. O problema real xurde cando, en compañía da ‘neumática’ Lenina visitan a Reserva dos salvaxes, que viven faltos da tecnoloxía máis elemental e nun conglomerado de creenzas que veñen de épocas anteriores á creación da “Sociedade”. Alí coñecen a John (el salvaje), nacido por un fallo do sistema de anticoncepción e que resulta ser fillo do xefe de Bernard.  Grazas a esta característica levan a John con eles ao seu mundo, onde as diferentes formas de entender a vida, e ao ser humano, entrarán en conflito...
 Un mundo feliz é unha novela escrita en 1932 (!!) onde o autor describe unha sociedade futurista (?) aparentemente feliz: os seres humanos son concebidos de forma industrial, con características xenéticas específicas. Son condicionados psicoloxicamente desde o seu nacemento para aceptar sen problemas o seu ‘status’ social e o traballo para o que foron diseñados. Ademáis teñen o “soma” como ‘premio’ e como forma de facer desaparecer calquera tipo de inquietude por pequena que sexa. As relacións entre persoas son sempre superficiais e os encontros sexuais son favorecidos sempre e cando non impliquen o “risco” dunha relación máis profunda. Unha dictadura perfecta camuflada como unha especie de democracia saludable, sen problemas e sen conflictos... e tamén sen seres 'humanos'.
Aquí tedes un trailer de presentación e tamén podedes ver o comentario de "Somosbooktubers"  e aquí o de "Libro Recomendado"