30/5/16

CARTAS DE INVERNO
Agustín Fernández Paz
Despois dunha longa estadía en Québec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atopa as cartas que o seu amigo Adrián lle escribira na súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que tal vez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar. A narración está estruturada ó xeito das monecas rusas: unha voz (en terceira persoa) que dá paso a outra voz (en primeira), que a súa vez dá paso tamén a outra voz (tamén en primeira persoa). E cando esta acaba, unha recuperación escalonada e simétrica das voces anteriores. Cartas de inverno recibiu o Premio Rañolas, ó mellor libro infantil e xuvenil galego do ano 1995.

Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) é un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil, en Galicia e no conxunto de España. É autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos preferentemente a lectores xuvenís. Os seus libros, escritos en galego, tradúcense habitualmente ás outras linguas españolas: castelán, catalán e eusquera. Tamén ten diversos títulos traducidos ao portugués, coreano, francés, árabe e italiano. Os seus libros obtiveron numerosos premios, en Galica, en España (Premio Nacional de Literatura) e en diferentes países, con dous títulos seus no prestixioso "Catálogo White Ravens da International Youth Library". Agustín Fernández Paz, persoa sinxela e entrañable, foi sempre un gran defensor da nosa lingua ao tempo que un gran defensor da calidade literaria da Lit. Xuvenil.

22/5/16


DRAGAL
A herdanza do dragón
Elena Gallego Abad
Na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda a que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego? Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só grazas á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que os cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el moitos séculos atrás.
Elena Gallego Abad debutou na narrativa galega con esta primeira novela, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2009, coa que se iniciou, ademais, unha triloxía baixo o título de “Dragal”, o dragón galego.
A autora naceu en Teruel en 1969 e criouse en Verín. Traballou en diferentes emisoras de radio e tamén en varios xornais. Na actualidade traballa en Cangas do Morrazo. Xa publicou a triloxía completa Dragal, A metamorfose do dragón e A fraternidade do Dragón e xa publicou tamén o primeiro libro dunha nova trioloxía en torno ao último dragón galaico A estirpe do Dragón. Podes ver máis picando aquí.